Descobre o tesouro que che agarda no Val de Traba!
Espazo natural de Traba
O Espazo Natural de Traba está formado por unha praia de case 2 quilómetros de largo, extendida entre a Punta de Arnado e a Punta de Traba, un cordón dunar e unha lagoa natural.
O enorme interese medioambiental deste conxunto foi recoñecido ó ser declarado Espazo Natural Protexido da Lagoa e Dunas de Traba. Ademais está dentro da Rede Natura 2000, e foi tamén recoñecido como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario (LIC).
Pero, se por algo destaca realmente este Espazo é pola gran cantidade de visitas que realizan á lagoa aves pouco frecuentes por esta zona, convertendo o lugar, coa súa presenza, nunha auténtica reserva ornitolóxica. Xunto a elas, unha flora rica e variada completa un conxunto extraordinario a nivel tanto paisaxístico coma medio ambiental.
Este Espazo é, sen dúbida, un lugar de referencia para amantes da natureza, da flora e da fauna!
Lagoa de Traba
Aquí escóndese un dos maiores tesouros naturais do Concello de Laxe. Trátase dunha pequena e estreita lagoa costeira, onde poden atoparse diversas tipoloxías de especies tanto animais coma vexetais, de gran relevancia dentro desta clase de biotopos.
O proceso de formación desta lagoa iniciouse a partir dun entrante costeiro no que desembocan o Rego de Vao e o Río de Traba. A partir dese entrante, cerrouse a bahía primitiva e constituíuse esta lagoa de auga fundamentalmente doce.
Debido á grande cantidade de especies que aquí habitan, e a súa enorme exclusividade, este Espazo é refuxio de caza, o que nos facilita enormemente a observación de aves dentro do seu hábitat natural, en calquera época do ano.
Cordón Dunar
A historia das dunas de Traba comezou fai uns 5.000 anos cando a forza do mar durante os temporais foi depositando a area na parte alta da praia.
Unha vez formadas as primeiras dunas, a circulación do vento entre elas modificou a súa forma, a través dun proceso de formación de canles e corredores que continúa aínda a día de hoxe.
A existencia deste extraordinario cordón dunar permítenos gozar dun espazo natural privilexiado, no cal aves, plantas, e animais tanto vertebrados coma invertebrados teñen o seu fogar, empequenecendo así ó home fronte a natureza.
Esta entrada tamén está dispoñible en: Castelán