Vidal: sen dúbida o fotógrafo de Laxe!

Arquivo Fotográfico Vidal

O Arquivo Fotográfico Vidal é o principal valor artístico e documental do Museo do Mar. Está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal e o seu pai Plácido Vidal.

Este riquísimo fondo fotográfico ten o retrato como temática principal; o pano de fondo estendido en moitas festas populares, aparece alternado con retratos no propio domicilio do autor, ou coa presenza do mar de Laxe e das rocas da costa dando naturalidade e misterio ó repertorio retratístico.

Pero os Vidal tamén foron cronistas gráficos de Laxe. Non existiu acontecemento social do que a súa cámara non fose testemuña. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ó seu obxectivo.

Por todo iso, o Fondo Fotográfico Vidal, ademais de ser unha extraordinaria referencia documental dos recordos colectivos desta vila, é o máis prestixioso espello público da nosa cultura popular.

Esta entrada tamén está dispoñible en: Castelán