Adéntrate na historia viva do noso pasado
Atopáronse restos da cultura castrexa en catro recintos, dous deles situados nos cumes do monte Lourido e naTorre da Moa. Os outros dous recintos sitúanse, un no monte do Castro, en San Mamede de Sarces, e o outro preto da aldea de Lourido de Arriba (Serantes).
O Castro de Castrelo
O castro está situado no lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto
A escavación, realizada entre varias casas da aldea, amosa un gran muro dun ancho superior aos tres metros, cunha gran entrada de carácter monumental, similares á do próximo Castro de Borneiro ou ao de Elviña, con grandes laxes que cobren o seu chan. A muralla posúe un característico escalonado común a outras escavacións da Idade de Ferro en Galiza. Ao carón da entrada monumental, á súa esquerda, advírtese unha segunda porta que está tapiada, algo que se repite uns metros máis ao norte, onde atopamos outra porta tapiada.
Na zona interior do castro aprécianse os posibles inicios dun corpo de garda, un achado pouco habitual nas escavacións de castros galegos. O castro presenta unha interesante configuración de plataformas e parapetos, agochados baixo un piñeiral.
Esta entrada tamén está dispoñible en: Castelán