ACTUALIZACIÓN DE HORARIO DO MUSEO DO MAR

Dende o venres 2 de xullo, o Museo do Mar de Laxe amplía os seus horarios de apertura ao público.

Tanto a exposición permanente coma os recursos dixitalizados do Arquivo Fotográfico Vidal son visitables os martes pola tarde de 17.00 a 20.00 horas, e de mércores a domingo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Os festivos tamén será posible acceder, de 11.00 a 14.00 horas.

As entradas poden adquirirse directamente na recepción do Museo cun custe de 1,50 € a entrada xeral e de 1 € a entrada reducida.

O Museo do Mar de Laxe está situado no inmoble que albergou dende o século XIX ata os anos 70 do século XX a antiga casa cuartel da Garda Civil da localidade. O edificio foi rehabilitada para albergar o Museo pero aínda son visibles elementos dunha casa tradicional, como a lareira, o lavadoiro de pedra, e a letriña, entre outros elementos.

A planta baixa recolle a biografía e a semblanza de persoaxes laxenses coma o Conde de Traba, o crego Juan Antonio Posse, o poeta Antón Zapata ou o carpinteiro Manolo do Rei.
A primeira planta, expón a visión da costa dende o mar.
A segunda planta, presenta a relación histórica de Laxe co mar.
E o baixo cuberta é unha sala dedicada aos ilustres fotógrafos Plácido e José Mª Vidal, que son, precisamente o centro e o motor deste Museo. A súa obra, composta por un total de 59.667 fotografías en diversos soportes, abarca un período cronolóxico comprendido entre finais do século XIX e a década dos 70 do século XX, nun ámbito xeográfico que abrangue ás comarcas de Bergantiños e Soneira. O seu interese e trascendencia é tal que no ano 2019 foi declarado Ben de Interese Cultural de Galicia pola Xunta de Galicia.

Por todo isto, o Museo do Mar é unha invitación a realizar unha viaxe polo pasado e pola historia que nos rodea.

Esta entrada tamén está dispoñible en: Castelán